Olympus presenta unha cámara externa (con obxectivos intercambiables) para smartphones

xoves, 5 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Cando Sony presentou o Xperia Z1, acompañou a presentación cun par de obxectivos fotográficos que podían empregarse sen fíos con distintos smartphones, de xeito que se separaba o elemento da cámara do teléfono, para facilitar captar imaxes con grande calidade (por evitar a limitación de grosor propia dos terminais) á vez que se goza da conectividade e as funcionalidades dun smartphone, e agora é Olympus o fabricante que colle este concepto coa cámara sen fíos Olympus Air A01.
Estamos ante un sensor de 16 Mpíxeles propio dunha cámara micro catro terzos, ao que podemos conectar distintos obxectivos, de xeito que funcionaría como unha cámara fotográfica tradicional, pero en combinación cun smartphone ao que se conectaría a través de Wi-Fi.
Este novo produto sairá á venda o vindeiro 6 de marzo no Xapón a un prezo de 33.800 iens (250,63 euros) e cun obxectivo 14-42mm por 49.800 iens (369,27 euros), o que suporá un directo competidor da cámara Sony DSC-QX100, coa que comparte detalles como que as fotografías almacénanse nunha tarxeta microSD que pode inserirse na cámara (e que pode xestionarse a través dunha aplicación no smartphone).


Vídeo de presentación da Olympus Air A01

PUBLICIDADE