OnLive reestrutúrase e cambia de mans

luns, 20 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O servizo de xogo na nube OnLive, que permite gozar de videoxogos de nova xeración a través de streaming, estaba a pasar por momentos difíciles e, tras unha fin de semana na que eran moitas as informacións nas que se falaba da súa posible bancarrota, finalmente admitiuse que o servizo continuará a operar de xeito transparente para os seus clientes actuais, pero a compañía sométese a unha forte reestruturación: prescinde da meirande parte dos seus traballadores e pasa o seu control á firma Lauder Partners.
Actualmente OnLive ten, segundo a propia empresa, 1,5 millóns de usuarios activos dunha base de 2,5 millóns de subscritores, o que pode parecer un bo resultado tras só 2 anos de actividade (con grandes limitacións xeográficas de dispoñibilidade), e as perspectivas de futuro deste tipo de negocio son boas, pero a empresa cometeu serios erros na súa planificación de recursos, cun exceso de servidores e, especialmente, cun cadro de persoal demasiado grande, que é de agardar que quede aproximadamente na metade.
Queda claro que o balance dos primeiros meses de OnLive é moi negativo, por neglixencia dos seus administradores, e como mostra destes malos resultados temos que a taiwanesa HTC vén de anotar nas súas contas como perda os 40 millóns de dólares que investiu en OnLive no mes de febreiro, pois parecía que esta plataforma era moi axeitada para levar xogos a tablets e smartphones, o que non deixa de ser certo e, de feito, Sony pagou hai pouco 380 millóns de dólares polo principal competidor de OnLive, Gaikai. Queda agora confiar en que OnLive poida seguir unha sorte semellante, e sobreviva grazas a sinerxías que poidan xurdir con numerosos dispositivos e servizos en liña.

PUBLICIDADE