OnePlus One, o novo smartphone chinés de alta gama que ameaza ao resto de fabricantes

mércores, 23 de abril do 2014 Marcus Fernández

O executivo de Oppo, Pete Lau, leva uns meses iniciando un novo proxecto empresarial, OnePlus, compañía que anuncia hoxe o seu primeiro terminal, o OnePlus One, que parece querer seguir a senda marcada pola anterior compañía tanto en deseño (é moi semellante ao Oppo Find 7) como na súa comercialización (pese a ser un smartphone chinés, poderase mercar en liña dende España directamente e sen problemas de alfándegas).
O OnePlus One chegará cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,5 GHz con gráfica Adreno 330, 3 Gb de RAM, 16/64 Gb de almacenamento interno, cámara traseira de 13 Mpíxeles con lente Sony, apertura f/2.0 e dobre flash LED, cámara frontal de 5 Mpíxeles con grande angular (pensando nas auto-fotos e nas videoconferencias), conectividade LTE (4G), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, NFC, LED multicor para notificacións, batería de 3.100 mAh e sistema operativo CyanogenMod 11S baseado en Android 4.4 (con funcionalidades como poder desbloquear o terminal por voz ou lanzar aplicacións mediante xestos). O seu grosor queda en 8,9 milímetros e o seu peso en 162 gramos.
Este novo terminal quere competir cos móbiles insignia dos principais fabricantes, para o que parte dun prezo bastante agresivo, xa que o seu modelo branco de 16 Gb venderase a 269 euros, mentres que o modelo negro de 64 Gb terá un prezo de 299 euros, aínda que 100 afortunados poderán facerse cun destes dispositivos por só 1 dólar a través dunha promoción que comeza nun par de días.


Vídeo de presentación do OnePlus One

PUBLICIDADE