Oppo presenta un smartphone con cámara xiratoria

martes, 24 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo quere destacar polo seu deseño e innovación, e como mostra diso ten unha nova familia de dispositivos N-Lens que principia o Oppo N1, terminal de grande pantalla, cámara xiratoria, panel táctil traseiro e elegante deseño que pretende chegar ao mercado en capacidades de 16 e 32 Gb de almacenamento interno a primeiros de decembro.
Este móbil con Android 4.2 destaca pola súa cámara xiratoria (ata 206 graos) de 13 Mpíxeles, cunha apertura f2.0, flash LED con 2 modos (un normal e outro máis difuso) e distintos modos de disparo (normal, panorámica, longa exposición...).
O Oppo N1 ten unha impresionante pantalla IPS de 5,9 polgadas Full HD, procesador Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,7 GHz, gráfica Adreno 320, 2 Gb de RAM, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0 e batería de 3.610 mAh, que presenta un grosor de só 9 milímetros e un peso de 213 gramos. Na súa parte traseira presenta un panel táctil de 12 centímetros cadrados que busca facilitar o control do móbil en certas situacións nas que non queremos que os nosos propios dedos tapen a pantalla. Tamén aproveita o protocolo Bluetooth 4.0 de baixo consumo para empregar un mando O-Click, que facilita a localización do dispositivo e o control remoto da súa cámara.
Pero non conformes con presentar o primeiro smartphone con pantalla xiratoria, dende Oppo tamén dan a nota ao anunciar que este móbil contará cunha CyanogenMod Edition, ou sexa, que será o primeiro smartphone en comercializarse con tal ROM de Android preinstalada de xeito oficial (pois Oppo e os responsables de CyanogenMod veñen de pechar un acordo comercial).

O corpo do móbil está construído cun material cerámico que resulta agradable ao tacto e libre de pegadas

PUBLICIDADE