Orange despide a marca Amena

martes, 24 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Os actuais clientes de Amena están a recibir unha mensaxe na que aseguran que a marca «únese a Orange», ou sexa, que os clientes que aínda estaban en Amena pasarán a ser clientes de Orange a partir do 13 de setembro dentro da súa estratexia de redución de marcas comerciais de baixo custo. Os usuarios non terán que realizar ningunha acción para este cambio, xa que manterán a súa tarxeta SIM.

Até o momento Amena é unha marca de baixo custo de Orange

A compañía xa trasladara os clientes de República Móvil a Simyo, ou sexa, que mantén operadores móbiles virtuais de baixo custo, pero reduce o número de compañías para simplificar a oferta e reducir custos.
Cómpre lembrar que Amena foi o operador móbil que en España serviu de xermolo para a implantación de France Telecom no noso territorio, transformándose a súa marca en Orange. Anos máis tarde Orange decidiu recuperar a marca Amena como operador de baixo custo. Dado que Orange tamén posúe os operadores Jazztel e Simyo, parece bastante razoable dicir adeus unha vez máis á marca Amena, por resultar redundante.

PUBLICIDADE