Os Dell XPS 13 convértense en portátiles 2-en-1

luns, 2 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Non conformes con actualizar os ultraportátiles XPS 13 cos últimos procesadores de Intel hai uns meses, Dell leva ao CES de Las Vegas unha revisión destes atractivos equipos que mutan en ordenadores 2-en-1, de xeito que agora presentan pantalla táctil cunha bisagra de 360 graos, para poder colocar o equipo de distintos xeitos en función do que queiramos facer con el.
Estes novos Dell XPS 13 2-en-1 chegan ao mercado norteamericano o vindeiro día 15 a prezos que parten dos 999 dólares, pasando a venderse logo no resto do mundo, sendo uns equipos notables por distintos factores como ser os portátiles 2-en-1 con pantalla de 13 polgadas máis pequenos do mundo cunha autonomía de até 15 horas, contar cunha pantalla táctil InfinityEdge con resolución Full HD ou QHD+ (en función da súa configuración), pantalla preparada para vídeo HDR (soportará o estándar HDR10 a través dunha actualización) e integrar lector de pegadas dixitais compatible con Windows Hello (para o que tamén pode empregarse o recoñecedor facial da súa cámara).
A versión máis básica do Dell XPS 13 2-en-1 conta con procesador Intel Core i5 de sétima xeración, 4 GB de RAM (LPDDR3 a 1.866 MHz), 128 GB de SSD e pantalla Full HD de 13,3 polgadas, que nos EE.UU. véndese por 999,99 dólares, mentres que o modelo de 1.799,99 dólares xa contaría cun procesador Intel Core i7 de sétima xeración, 16 GB de RAM (LPDDR3 a 1.866 MHz), 512 GB de SSD e pantalla QHD+ (3.200 x 1.800 píxeles) de 13,3 polgadas. Miden 304 x 199 x 8-13,7 milímetros e pesan 1,24 quilogramos.
Os equipos integran 2 portos USB-C 3.1 con Thunderbolt 3 nun porto e incluíndo un adaptador USB-C a USB-A, e como opción tamén teñen o Dell Active Pen, un lapis dixitalizador con 2.048 niveis de presión que busca recrear unha experiencia de escritura natural en pantalla.

Os Dell XPS 13 2-en-1 poden completarse co Dell Active Pen

PUBLICIDADE