Os MacBook Air incorporan finalmente pantalla Retina

martes, 30 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Hai dous anos e medio os MacBook Air recibiron unha actualización menor, de xeito que este equipo permanecía no catálogo de Apple como un produto claramente desfasado tecnoloxicamente, especialmente no que á súa pantalla se refire, pero finalmente a compañía da mazá quixo renovalo de verdade, e agora presenta unha pantalla Retina de 13,3 polgadas, Touch ID, procesadores recentes e un deseño aínda máis portátil, chegando con acabados en tres cores diferentes (ouro, gris espacial e prata).
O principal cambio dos novos MacBook Air é claramente a súa pantalla IPS, que por fin presenta unha resolución acorde aos tempos (2.560 x 1.600 píxeles fronte aos ridículos 1.440 x 900 píxeles do modelo anterior), de xeito que xa pode colocarse á altura do resto de MacBook; pero tamén actualiza o resto das súas tecnoloxías, como o seu teclado retroiluminado e o seu trackpad con Force Touch, unidades SSD de grande velocidade (un 60% máis rápidas que na anterior xeración), un par de portos Thunderbolt 3 (para unha maior conectividade), e incluso unha autonomía de até 12 horas de navegación web, á vez que contén o seu grosor nos 1,56 centímetros e o seu peso nos 1,25 quilos.
Estes novos equipos funcionan cun procesador Intel Core i5 de dobre núcleo, SSD de entre 128 GB e 1,5 TB, 8/16 GB de RAM, gráfica Intel UHD Graphics 617, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, altofalantes estéreo de grande calidade, toma para auriculares e 3 micrófonos.
O modelo máis básico dos novos MacBook Air contaría con 8 GB de RAM e 128 GB de SSD a un prezo de 1.349 euros, mentres que o modelo con 256 GB de almacenamento subiría o seu prezo até os 1.599 euros. A versión máis completa, con 16 GB de RAM e 1,5 TB de SSD chegaría até os 3.089 euros, prezo bastante sorprendente para un portátil que non pertence á familia Pro.

Vídeo de presentación do novo MacBook Air

PUBLICIDADE