Os MacBook Pro gañan potencia e conectividade

venres, 25 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Apple actualizou os seus portátiles de alta gama MacBook Pro con novos procesadores, máis memoria RAM, tarxetas de vídeo máis potentes, nova cámara web e a incorporación de Thunderbolt, que é o nome que a compañía de Cupertino dá á tecnoloxía LightPeak de Intel, que pretende convertese nun estándar de transmisión de datos de alta velocidade (10 Gbps bidireccionais) de xeito que iría ao dobre de velocidade que o USB 3.0 e 20 veces máis rápido que o USB 2.0. Deste xeito, os dispositivos externos acadarían un rendemento comparable ao dos interno, á vez que achega 10 W para alimentalos (fronte aos 5 W do USB 3.0) facilitando a aparición de trebellos que non precisen de alimentación adicional. De todos os xeitos hai moitas dúbidas sobre o éxito desta tecnoloxía, pois espérase que os fabricantes opten masivamente polo USB 3.0, de xeito que LightPeak podería seguir a mesma sorte que o FireWire (que pese a ser un estándar recoñecido para o vídeo, cando falamos do seu uso para dispositivos informáticos externos non pasou de anécdota).

A incorporación da conectividade Thunderbolt é o máis rechamante dos novos MacBook Pro

Os novos MacBook Pro deixan de lado os procesadores Core 2 Duo e adoptan os Intel Core i5 e i7 de última xeración (os chamados Sandy Bridge) que integran un procesador gráfico Intel HD Graphics 3000, mentres que os equipos con pantallas de 15 e 17 polgadas acompañan este procesador con tarxetas gráficas dedicadas Radeon HD 6490M/6750M de AMD, que incrementarían considerablemente o rendemento dos equipos (aínda que para a simple reprodución de contidos en alta definición as gráficas integradas no procesador son máis que suficientes).

FaceTime estréase coma unha aplicación informática de pagamento

Os equipos conta cunha nova webcam chamada FaceTime HD (capaz de capturar vídeo a 720p, aínda que Apple sorprendeu estreando FaceTime para Mac OS X como unha aplicación á venda por 0,79 euros), teñen unha autonomía de 7 horas (mentres que os seus predecesores podían aguantar entre 8 e 10 horas), veñen configurados cun mínimo de 4 Gb de RAM (ampliable a 8 Gb), e utilizan como medio de almacenamento básico discos duros de a partir de 320 Gb a 5.400 rpm (con opcións a 7.200 rpm ou de unidades SSD de entre 128 e 512 Gb).
Entre as opcións dispoñibles nestes equipos podemos destacar a posibilidade de, cun custo adicional, adquirir os modelos de 15 e 17 polgadas con pantallas anti-reflectintes, o que agradecerán especialmente os profesionais do deseño gráfico ou da edición de vídeo.
No tocante aos prezos, parten de 1.149 euros para o MacBook Pro con pantalla de 13 polgadas e procesador Intel Core i5 a 2,3 GHz, mentres que o modelo de 17 polgadas cun procesador Intel Core i7 custa a partir de 2.499 euros.

PUBLICIDADE