Os Mi 5s e Mi 5s Plus de Xiaomi buscan competir cos iPhone 7 e 7 Plus

martes, 27 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Parece que Xiaomi non busca competir co resto de fabricantes chineses, e apunta directamente a Apple e a Samsung cos seus dispositivos, ou iso dan a entender coa presentación dos novos Mi 5s e Mi 5s Plus, que parecen unha resposta directa ao iPhone 7 e 7 Plus, contando non só con especificación moi elevadas, senón tamén cunha dobre cámara traseira no modelo de maior tamaño.
O novo smartphone de referencia de Xiaomi sería agora o Mi 5s, cunha pantalla Full HD de 5,12 polgadas (cunha luminosidade de 600 nits), procesador Qualcomm Snapdragon 821 a 2,15 GHz con 3/4 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 12 Mpíxeles cun sensor de 1,55 micrómetros, cámara frontal de 4 Mpíxeles cunha apertura f/2.0 e sensor de 2 micrómetros, batería de 3.100 mAh (que se carga mediante USB-C) e incluso unha interesante innovación: o lector de pegadas dixitais mediante ondas ultrasónicas que permite a súa colocación tras o cristal frontal do terminal. Este smartphone, cunha forma que pode lembrar moito ao Samsung Galaxy S7, chegará ao mercado chinés por 1.999 iuans (267 euros) na súa versión con 3 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, e por 2.299 iuans (307 euros) con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, prezos que son menos da metade que equivalentes doutros fabricantes.
O Mi 5s Plus apuntan máis alto, principalmente por integrar unha pantalla Full HD de 5,7 polgadas (cun brillo de 550 nits), que vén acompañada cun procesador máis potente (a 2,35 GHz), 2 GB máis RAM, batería de 3.700 mAh e dobre cámara traseira de 13 Mpíxeles, sendo unha das cámaras monocromo (na liña do que fai o Huawei P9). Outra importante diferenza é que muda o lector de pegadas dixitais á parte traseira do móbil. O modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento venderase por 2.299 iuans (307 euros) e o de 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento custará 2.599 iuans (347 euros).
Estes novos smartphones sairán á venda o día 29 e inclúe tecnoloxías como conectividade 4G+, o seu almacenamento interno sería UFS 2.0, as súas carcasas estarían dispoñibles en 4 cores distintas (ouro, prata, branco e rosa), e incluso contan con NFC, algo pouco frecuente nos móbiles chineses, que parece dar a entender que ábrense aos futuros métodos de pagamento móbil que queren popularizarse en Occidente.

O elegante deseño, o acabado de calidade, as súas boas cámaras e a súa brillante pantalla poderían converter ao Mi 5s en todo un referente para o mercado chinés

PUBLICIDADE