Os Oppo Reno3 e Reno3 Pro presumen de 5G

xoves, 26 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Estas datas non son festivas na China, de aí que non cesen as novidades de fabricantes como Oppo, que presenta hoxe os seus novos móbiles Reno3 e Reno3 Pro, que destacan especialmente por contar con conectividade 5G, deixando clara cal vai ser a tendencia entre os móbiles que van chegar ao mercado ao longo de 2020.
O Oppo Reno3 é o terminal máis discreto, cunha pantalla de 6,4 polgadas, procesador MediaTek, 8/12 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, cámara traseira cuádrupla de 64, 8, 2 e 2 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles integrada nunha pequena pestana superior central, Wi-Fi AC, NFC, Bluetooth 5.1, lector de pegadas en pantalla e batería de 4.025 mAh con carga rápida VOOC 4.0, que ten un prezo de 3.399 iuans (438 euros) con 8 GB de RAM, e de 3699 iuans (476 euros) con 12 GB de RAM.
Pero resulta bastante máis atractivo o Oppo Reno3 Pro, cunha pantalla AMOLED Full HD+ de 6,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 765G, 8/12 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento, cámara traseira cuádrupla de 48, 13, 8 e 2 Mpíxeles con zoom híbrido de 5x, cámara frontal de 32 Mpíxeles nunha perforación na parte superior esquerda da pantalla, lector de pegadas en pantalla, Wi-Fi AC, NFC, Bluetooth 5.1, batería de 4.025 mAh e batería de 4.025 mAh con carga rápida VOOC 4.0, que ten un prezo de 3.999 iuans (515 euros) para o seu modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, e de 4.499 iuans (579 euros) para o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno.
Uns smartphones dispoñibles en 4 cores distintas, que serven de exemplo do que será a vindeira gama media premium, que chegará a prezos máis axustados nos vindeiros meses a través doutras marcas (lembremos que Realme pertence á mesma matriz de Oppo, pero ten uns prezos moito máis agresivos), polo que os móbiles con altas prestacións e 5G están cada vez máis pretos dos consumidores, mentres que a vindeira xeración de telefonía móbil terá como principal limitación aos operadores de telefonía móbil, que estenderán as infraestruturas 5G dun xeito progresivo durante varios anos, a un ritmo moi semellante ao que puidemos ver co 4G no seu día.

PUBLICIDADE