Os Premios EmprendeXXI recoñecen a Nova Industria Galega
mércores, 29 de maio do 2024
CaixaBank, a través de DayOne, a súa división especializada en empresas tecnolóxicas e os seus investidores, xunto ás súas distintas áreas, divisións e filiais do grupo, entregou os galardóns da fase de Retos dos Premios EmprendeXXI. Esta convocatoria tivo o obxectivo de recoñecer ás empresas de España e Portugal que ofrecen as mellores solucións a algúns dos principais retos aos que se enfronta a sociedade actual.
As startups premiadas nesta 17.ª edición foron Nova Industria Galega, Gravity Wave, The Blue Box Biomedical Solutions, Showee Smart Wellness, Eonesia-Gamificación Inmersiva, Nuwe, Nidus Lab, PandaGo, Cafler, Colibid, Hotel Treats e Oratrex.
O xurado, integrado por máis de 100 persoas (representantes do Grupo CaixaBank, ENISA, Banco BPI e partners do ecosistema emprendedor), destacou “o elevado nivel das empresas participantes” e, especialmente, das gañadoras, “por ofrecer as mellores solucións aos principais desafíos da sociedade na actualidade desde unha perspectiva innovadora”.
Nesta última edición, os premios repartíronse en seis categorías ou retos. Cada reto incluíu dous desafíos, recoñecendo así a dúas compañías diferentes. As 12 startups gañadoras recibiron unha dotación económica de 12.000 euros cada unha.
A gañadora do desafío Planeta do Mañá foi Nova Industria Galega (Galicia). Desde a súa sede en Ribadeo, Nova Industria Galega pretende democratizar e poñer ao dispor das empresas toda a información que xeran nos seus procesos industriais. Para iso deseñan solucións a medida, en base á Intelixencia Artificial e a aprendizaxe máquina (Machine Learning). Nestes momentos conta no mercado con aplicacións de monitoraxe e análise para os sectores vinícola, forestal e de xestión de residuos.