Os Tamagotchi celebran os seus 25 anos converténdose en wearables

venres, 18 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O vindeiro 23 de novembro celébrase o 25º aniversario dos célebres Tamagotchi, mascotas virtuais que foron todo un fenómeno, e que en todo este tempo reviviron en distintos formatos dos que o último será o Tamagotchi Smart, que vén a ser a transformación do Tamagotchi tradicional nun smartwatch con pantalla táctil, botóns físicos e incluso a posibilidade de darlle ordes coa voz. Incluso será posible incorporar novos contidos ao Tamagotchi a través de tarxetas de expansión. Tamén ten previstas opcións de cooperación con outros usuarios, o que podería axudar a facer máis popular este produto que polo momento só está previsto que saia á venda no Xapón.
O novo Tamagotchi Smart venderase a partir do 23 de novembro a un prezo de 6.380 iens (49 euros), podéndose adquirir as tarxetas de expansión adicionais por 1.000 iens (7,65 euros). O reloxo estará dispoñible en cor rosa coral ou azul menta nas súas versións ordinarias, existindo tamén unha versión 25º aniversario do Tamagotchi en cor branca, e que só poderá conseguirse a través dun sorteo.
Conseguirá o Tamagotchi volver a pórse de moda grazas a esta nova xogada de Bandai Namco? Veremos o retorno dos Tamagotchi como fenómeno global ou estamos ante un produto máis que simplemente quere aproveitar o efecto da nostalxia?

Vídeo promocional dos Tamagotchi Smart

PUBLICIDADE