Os auriculares Sony WF-1000XM3 reciben unha importante actualización

martes, 26 de novembro do 2019 Marcus Fernández

No verán Sony estreou auriculares sen fíos cunha boa cancelación de ruído, o WF-1000XM3, que conseguiron converterse en todo un referente, de xeito que cando no outono chegaron ao mercado os AirPods Pro de Apple xurdiu certo consenso á hora de comparar ambos accesorios, dándose a entender que os de Apple resultaban máis prácticos para os usuarios de iPhone, mentres que para o resto de dispositivos a solución de Sony podía ser máis atinada (e tamén máis económica, xa que, aínda que o seu prezo oficial está polos 249 euros, é posible facerse con estes auriculares incluso por menos de 200 euros).
Pero estes auriculares de Sony presentaban algunhas carencias un tanto curiosas, que en boa medida están a solucionarse a través dunha actualización de firmware. Deste xeito, se actualizamos ao firmware 2.0.2 nos auriculares WF-1000XM3 contaremos con soporte para o asistente de voz Alexa de Amazon, poderase coñecer o nivel de batería do estoxo de carga e, especialmente, será posible controlar o volume directamente dende os auriculares (aproveitando o seu sensor táctil).
Temos así que estes auriculares melloran para consolidar o seu status como a principal alternativa aos AirPods Pro de Apple.

PUBLICIDADE