Os centros educativos reciben formación online sobre a aplicación que permite acadar a ventilación óptima nas aulas

xoves, 28 de xaneiro do 2021 S. P.

O Goberno galego achegou hoxe unha sesión informativa online sobre as posibilidades da ferramenta que posibilita acadar unha ventilación óptima nas aulas, unha aplicación galega, impulsada polo equipo de Jorge Mira na Facultade de Física da USC (en colaboración coa Consellería de Educación e Cultura), que xa está presente en 451 centros da nosa xeografía. Na sesión participou o persoal dos centros de ensino.
Nela informóuselles o potencial do sistema para pór freo á COVID-19 e para mellorar o confort térmico nas clases a través de pautas de ventilación adecuadas que optimizan o tempo necesario de renovación do aire (en función das características propias dos centros escolares e tendo en conta a súa contorna e localización e as condicións climatolóxicas facilitadas por Meteogalicia).
No webinario participaron o catedrático Jorge Mira e Alberto Pérez, profesor da Facultade de Física da USC que desenvolve este proxecto e profesor asociado na Universidade de Harvard.
O obxectivo desta actividade foi reforzar a información xa facilitada aos centros arredor de cuestións como os datos que é preciso introducir na web ventilacion.usc.es ou como interpretar e aplicar os resultados personalizados que ofrece a ferramenta informática para cada centro educativo.
Tamén se fixo saber que todos os centros educativos galegos recibiron xa o seu contrasinal personalizado para acceder ao devandito espazo web, que estará a disposición dos centros escolares de maneira voluntaria ata final de curso.

PUBLICIDADE