Os discos duros BarraCuda Pro chegan aos 12 TB

luns, 9 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Os discos duros de 14 TB de Western Digital aínda están reservados para servidores, e se queremos grandes capacidades en discos duros dispoñibles no mercado de consumo temos agora un pequeno salto de capacidade dos Seagate BarraCuda Pro, que até o momento tiña por teito unidades de 10 TB que podiamos atopar no mercado español por uns 421 euros e que agora van un paso máis adiante, de xeito que xa podemos atopalos cunha capacidade de 12 TB a un prezo de 489 dólares.
Os discos Seagate BarraCuda Pro funcionan a 7.200 revolucións por minuto e conseguen a velocidade máis rápida dispoñible para ordenadores de sobremesa para unidades con esta tecnoloxía (con taxas de datos sostidas de até 250 MB/s e taxas de transmisión a refoladas de 6 GB/s), de xeito que son unha boa opción para os que precisan capacidades de almacenamento masivas, algo que polo momento non satisfán as unidades SSD.
Estas novas unidades son un produto ideal para profesionais creativos, que precisan almacenar de xeito fiable volumes masivos de datos, como pode ser vídeo en ultra alta definición ou fotografías sen compresión.

PUBLICIDADE