Os estudantes da USC que colaboren co Proxecto Nós recibirán un crédito de libre configuración

venres, 22 de novembro do 2024 Redacción

O alumnado da Universidade de Santiago de Compostela que participe no Proxecto Nós obterá un crédito de libre configuración pola súa colaboración segundo anunciou hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o reitor da institución académica, Antonio López, nunha rolda de prensa para presentar esta iniciativa.
Así, tal e como explicaron, o estudante que se inscriba na plataforma Common Voice e acade un mínimo de 25 horas de gravación poderá obter un crédito despois de acreditar a súa participación. Doa a túa voz é unha campaña posta en marcha polo Goberno galego en colaboración coa universidade compostelá para recoller a variedade fonética e dialectal de Galicia para permitir que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas do galego.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude precisou que a finalidade é construír un rexistro “o máis variado posible que reflicta a realidade sociolingüística de Galicia”. Con este fin, fixo un chamamento para animar a toda a comunidade universitaria “a colaborar con esta iniciativa para recompilar a maior cantidade de horas de gravado e asegurar o mellor funcionamento desta tecnoloxía”.
“Queremos elaborar un repositorio o máis variado posible e por iso os créditos de libre configuración son un bo incentivo para que os estudantes se animen a formar parte do proxecto e que contemos cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais”, engadiu Valentín García.
En liña con este tema, salientou o compromiso do Goberno autonómico co impulso do uso e o prestixio do galego ao abeiro do Pacto pola lingua. “Nas últimas semanas vimos celebrando diferentes encontros con toda a sociedade para acadar un gran consenso social a prol da lingua”, afirmou antes de puntualizar que a Administración autonómica xa presentou novas medidas con este obxectivo de cara a 2025, como a creación dun voluntariado lingüístico, o lanzamento de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas nadas fóra da Comunidade ou a colaboración coa Consellería de Sanidade para ofrecer formación aos seus traballadores.