Os fundamentos e as utilidades do testing, ao detalle nun curso de Vitae

martes, 18 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Por razóns de operatividade, de rapidez e de prazos cada vez máis curtos, as probas (o testing) no desenvolvemento informático non teñen toda boa sona que sería de desexar, malia ser unha parte fundamental do traballo de programación e, por extensión, de calquera ámbito empresarial e industrial onde se acheguen produtos ou servizos de certa complexidade. As vantaxes da “fase de probas” son múltiples e inimaxinábeis, e comparten todas elas o mesmo alicerce: garantir a máxima calidade para un produto. Porén, fan falta recursos que fagan máis accesíbeis estas metodoloxías e, tamén, que lles quiten ferro. Aí entra en xogo a nova edición (a sexta) do Curso de Fundamentos en Testing que organiza novamente Vitae Consultores.
A actividade formativa sobre testing celebrarase na Coruña no Hotel Attica 21 os días 3 e 4 de marzo. Incluirá novamente 16 horas de contidos e servirá, nun plano máis detallado, para capacitar aos asistentes no dominio de recursos que optimicen os seus proxectos, adestrándoos en metodoloxías útiles para transformar ferramentas desenvolvidas para sacar un aprobado en ferramentas feitas para obter un notábel ou mesmo un sobresaliente.
O curso, un achegamento integral aos coñecementos e ferramentas precisas para asegurar o factor calidade na creación de programas, subministra a opción de Certificación en Fundamentos de Testing polo programa de certificación ISTQB (International Software Testing Qualifications Board), que é o estándar mundial para avaliadores de programas informáticos.
Segundo explican dende a academia Vitae Consultores, a finalidade desta acción formativa é proporcionar os procedementos e métodos de meirande relevancia actual para capacitar aos asistentes na xestión, na planificación, no deseño e na execución de probas de software coa meirande eficacia. Desta maneira, os profesionais que participen no obradoiro terán “a oportunidade de entender os conceptos clave das probas de software, asegurar un alicerce sólido para o medre profesional na área e comprender as técnicas básicas de validación de programas”, engade Vitae.
O curso está dirixido a profesionais da actividade de probas, como testers, analistas e enxeñeiros de probas, así como responsábeis de calidade de software. Tamén se encamiña a profesionais que desexen acadar unha visión avanzada e integral dos procesos de avaliación, como xefes de proxectos, analistas de negocio, xerentes, consultores TI e programadores.
A persoa encargada de impartir todos estes contidos será Aurelio Gandarillas, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías da información e máis dunha ducia de anos como consultor e formador nos eidos do deseño, a implantación e a mellora dos procesos de desenvolvemento e calidade do software.

PUBLICIDADE