Os iPad Air perden o seu apelido

martes, 21 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Esta mañá pechou temporalmente a tenda en liña de Apple para recuperar a súa actividade con novidades como unha edición especial do iPhone 7 en cor vermella para recadar cartos para o Fundo Mundial de loita contra o VIH e a desaparición dos populares iPad Air 2 para verse renovados estes trebellos con simple nome de iPad, simplificando así o catálogo de tabletas de Apple, que queda composto só por 3 liñas: iPad Pro (de 12,9 e 9,7 polgadas), iPad e iPad mini 4.
O novo iPad ten unha pantalla Retina de 9,7 polgadas, incorpora un procesador A9 de 64 bits, mantén as súas 10 horas de autonomía e véndese en tres cores (prata, ouro e gris espacial) a prezos que parten dos 399 euros para a versión Wi-Fi con 32 GB de capacidade (mentres que o modelo con 128 GB de almacenamento sube 100 euros o seu prezo e contar con conectividade 4G suporía un incremento de prezo de 160 euros).
Estamos ante unha renovación do catálogo de Apple que deixa nunha situación bastante comprometida ao iPad mini 4, que partiría dun prezo de 479 euros, xa que só está á venda cunha capacidade de 128 GB, de xeito que deixaría de considerarse o iPad de entrada, para pasarlle o relevo ao modelo de 9,7 polgadas.

Os novos iPad véndense en tres cores e 2 capacidades de almacenamento (32 e 128 GB)

PUBLICIDADE