Os iPad Pro incorporan novas pantallas e procesadores

martes, 6 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Pese a que na WWDC17 falouse dos novos iPad Pro salientado as posibilidades que ofrecerán a partires do lanzamento de iOS 11 no outono, as tabletas renovadas saíron xa á venda, o que supón a estrea dun iPad Pro con pantalla de 10,5 polgadas e unha renovación da versión de 12,9 polgadas, de xeito que agora ambos produtos integran a nova pantalla con tecnoloxía ProMotion e o potente procesador A10X Fusion.
A tecnoloxía ProMotion permite velocidades de refresco de 120 Hz, o que supón uns desprazamentos máis fluídos e tamén facilitará un mellor funcionamento do Apple Pencil (que agora presume dunha velocidade de resposta de 20 milisegundos), aínda que dende Apple destacan que esta velocidade de refresco é adaptable, de xeito que en función dos tipos de contidos que esteamos a consumir poderá reducirse (conseguindo así un maior aproveitamento da batería).
O A10X Fusion pola súa banda é un potente procesador de 64 bits que consegue un rendemento superior ao da meirande parte dos ordenadores portátiles actuais, de xeito que as novas tabletas de Apple non terían grande problema para editar fotografías, mover vídeo 4K, renderizar imaxes 3D ou correr xogos. Con respecto ao proceador A9X este procesador de 6 núcleos de CPU e 12 núcleos de GPU conseguiría mellorar un 30% na súa CPU e un 40% no apartado gráfico.
Tamén poden presumir dunha cámara traseira de 12 Mpíxeles con estabilización óptica, ou sexa, que estarían ao nivel do iPhone 7, mentres que a cámara frontal confórmase con 7 Mpíxeles.
A cara B desta renovación do iPad Pro é que o modelo con pantalla de 10,5 polgadas supón a estrea de novos accesorios, como o Smart Keyboard, xa que o tamaño do trebello é diferente.
O iPad Pro con pantalla de 10,5 polgadas parte dun prezo de 729 euros (con 64 GB de almacenamento) aínda que a súa estrutura de prezos parece querer levar aos consumidores a facerse co modelo con 256 GB de capacidade por 100 euros máis, mentres que o modelo con 512 GB dispara o seu prezo até os 1.049 euros.
A versión con 12,9 polgadas parte de 899 euros con 64 GB de capacidade, ofrecendo tamén 256 GB de almacenamento por 100 euros máis, e levando o seu modelo con 512 GB de capacidade até os 1.219 euros.

PUBLICIDADE