Os iPad Pro mudan profundamente ao eliminar o botón de inicio

martes, 30 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Na presentación de hoxe Apple anunciou a renovación dos iPad Pro, no que podería considerase a actualización máis profunda realizada nunca nun iPad, xa que ao integrar Face ID e xestos (de xeito que non precisan de botón de inicio) conseguen que as súas pantallas Liquid Retina de 11 e 12,9 polgadas estean rodeadas por un marco simétrico bastante reducido, no que supón un grande aproveitamento do espazo.
Os novos iPad Pro tamén incorporan os novos procesadores A12X Bionic, que presumen de superar en potencia á meirande parte dos ordenadores portátiles do mercado, incorporan finalmente conector USB-C, a súa versión con conectividade móbil permite Gigabit LTE e incluso pode equiparse con até 1 TB de almacenamento, o que, xunto ao feito de que en breve vaia ter dispoñible unha versión do Photoshop CC que promete ser tan capaz como a de ordenadores persoais, que falamos dun iPad máis Pro que nunca.
Con estes equipos tamén chega a renovación do Apple Pencil, que pode ancorarse magneticamente ao iPad Pro e cargase sen fíos simultaneamente.
Cómpre salientar que o novo modelo con pantalla de 11 polgadas ten as mesmas dimensións externas que o modelo anterior de 10,5 polgadas, ou sexa, que aproveita mellor o seu espazo para acoller un maior número de píxeles; mentres que o modelo de 12,9 polgadas conserva as dimensións do panel, pero reduce o seu volume un 25% facéndoo moito máis transportable.
A eliminación do conector Lightning para apostar por un conector USB-C supón un impresionante incremento de posibilidades, xa que o novo porto permite cargar a tableta, transmitir datos a altas velocidades (USB 3.1) e incluso conectar televisores externos con resolucións de até 5K. Como curiosidade, o porto USB-C do iPad Pro podería servir incluso para cargar un iPhone.
Aparte do novo Apple Pencil, tamén está dispoñible para a súa compra por separado o Smart Keyboard Folio, unha funda-teclado que protexe completamente o iPad Pro durante os desprazamentos e que facilita o seu uso a xeito de ordenador portátil sobre o escritorio.
O iPad Pro de 11 polgadas con 64 GB de almacenamento e conectividade Wi-Fi ten un prezo de 879 euros, mentres que os modelos con 256 GB, 512 GB e 1 TB de capacidade custarían 1.049, 1.269 e 1.709 euros respectivamente. As versións con conectividade móbil custarían 1.049, 1.219, 1.439 e 1.879 euros en función da capacidade.
A versión con pantalla de 12,9 polgadas partiría dun prezo de 1.099 euros para a versión con 64 GB de almacenamento e Wi-Fi, mentres que os seus modelos con 256 GB, 512 GB e 1 TB de almacenamento custarían 1.269, 1.489 e 1.929 euros respectivamente. As versións con conectividade móbil custarían 1.269, 1.439, 1.659 e 2.099 euros en función da súa capacidade de almacenamento.

Vídeo de presentación dos novos iPad Pro

PUBLICIDADE