Os novos Nexus de Google xa están á venda en Europa

martes, 13 de novembro do 2012 Marcus Fernández

O Nexus 4 está a ter unha elevada demanda

A tenda en liña de Google incorpora hoxe en Europa dos novos dispositivos con Android promovidos pola compañía, que comprenden ao smartphone Nexus 4, ao novo tablet Nexus 10 e ao renovado tablet Nexus 7, que por fin poden marcarse a prezos moi competitivos, e que no caso do Nexus 4 está a ser unha estrea moi forte, pois este móbil con Android 4.2 véndese a 299 e 349 euros nos seus modelos con 8 e 16 Gb de almacenamento interno respectivamente, prezo moi agresivo para un smartphone libre, o que levou a que en poucos minutos esgotasen unidades.

Os novos trebellos de Google xa están á venda en Europa

O Nexus 7 tamén podería ter unha alta demanda, pois agora o seu modelo de 16 Gb custa só 199 euros, mentres que o modelo de 32 Gb véndese por 249 e unha versión deste último con conectividade 3G venderíase só por 299 euros (un iPad mini de 32 Gb con 3G custaría 559 euros, de aí que o prezo de Google pareza tan atractivo).
Máis difícil vai telo o Nexus 10, pois véndese a prezos de 399 e 499 euros para os seus modelos con 16 e 32 Gb de almacenamento, xa que desta volta Google non quixo competir en prezo, senón en prestacións, de xeito que tería unha das mellores pantallas do mercado (cun tamaño de 10,1 polgadas e unha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles que superaría á pantalla Retina do novo iPad), contaría con 2 Gb de RAM, un potente procesador Exynos 5 de dobre núcleo, GPS e incluso NFC.

PUBLICIDADE