Os novos auriculares Powerbeats Pro 2 inclúen monitor de ritmo cardíaco

martes, 11 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

A marca propiedade de Apple, Beats by Dre, finalmente decidiron renovar os seus auriculares deportivos de alta gama lanzados en 2019, polo que poñen á venda os Powerbeats Pro 2 en catro cores diferentes a un prezo de 299,95 euros, deixando claro que estamos ante un produto para usuarios moi esixentes.
Os Powerbets Pro 2, ao estar destinados á práctica deportiva, contan cun sistema de axuste seguro na orella do usuario e resistencia á suor e á auga (IPX4), ofrecen un son de grande calidade cunha tecnoloxía de cancelación de ruído moi avanzada, así como con modo de son ambiente (buscando que sexan seguros cando se utilizan en lugares públicos), son compatibles co son espacial con seguimento dinámico da cabeza, presumen dunha autonomía de 10 horas de reprodución que pode ampliarse até as 45 horas grazas ao seu estoxo de carga (que pode cargarse por indución e por USB-C), gozan dunha grande integración no ecosistema de Apple coa integración do chip H2 (o mesmo que levan os AirPods Pro 2, auriculares cos que tamén comparte o sistema de tres micrófonos avanzados) e unha novidade que chama poderosamente a atención: monitor de frecuencia cardíaca.
Estes novos auriculares son o primeiro produto de Beats by Dre en incluír un monitor de frecuencia cardíaca para adestramentos, para o que contan con sensores fan pestanexar unha luz LED verde máis de 100 veces por segundo para medir a luz reflectida e así calcular a frecuencia cardíaca en tempo real, o que é posible grazas a que conseguiron reducir a arquitectura do sensor cardíaco do primeiro Apple watch até unha dezaseisava parte.
A monitorización da frecuencia cardíaca no caso de empregarse os auriculares cun iPhone funciona directamente dende os axustes do dispositivo (sendo compatible con aplicacións como Nike Run Club, Open, Runna, Ladder ou Slopes), mentres que en móbiles con Android precisa do uso da aplicación móbil de Beats para Android.
Temos así unha ferramenta moi atractiva para facer un seguimento do ritmo cardíaco sen ter que levar un reloxo ou outro dispositivo semellante, o que moitos agradecerán por comodidade, de aí que non sería unha sorpresa que estes auriculares se convertesen nuns supervendas pese ao seu elevado prezo.

Vídeo promocional dos novos auriculares deportivos de Beats