Os novos auriculares sen fíos de Sony presumen dunha boa cancelación de ruído

venres, 5 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Aínda que os AirPods de Apple estean considerados como uns auriculares sen fíos de prezo elevado, hai fabricantes que ousan comercializar produtos semellantes a prezos aínda máis altos, como Sony, que vén de presentar os seus novos auriculares WF-1000XM3, que destacan fronte á competencia pola súa tecnoloxía de cancelación de ruído, permitindo illar ao usuario do ruído ao seu redor para unha boa experiencia e escoita musical en contornos como o transporte público, á vez que tamén conta cunha funcionalidade para poder escoitar o que acontece ao redor sen ter que quitar os auriculares (chega con colocar o dedo sobre o panel táctil do auricular esquerdo para baixar o volume da música e deixar entrar o ruído ambiental).
Os auriculares WF-1000XM3 contan con Dual Noise Sensor, ou sexa, que para escoitar o ruído que hai no exterior para a súa cancelación teñen dous micrófonos en posicións diferentes, para que logo na reprodución musical xérase unha onda de son invertida que compensa o ruído de fondo molesto, o que non só evita o ruído en case todas as frecuencias, senón que tamén supón un aforro de enerxía.
Estes novos auriculares Bluetooth tamén conta con Digital Sound Enhancement Engine HX (DSEE HX), tecnoloxía que escala os arquivos de música dixital comprimidos, para achegalos á calidade de son de alta resolución. Cada auricular conta co seu propio chip Bluetooth, para recibir o son de xeito simultáneo á vez que a súa estrutura de antena optimizada consegue unha conexión altamente estable, á vez que tamén presume dunha latencia bastante reducida.
Os WF-1000XM3 teñen tres puntos de apoio nas orellas e inclúen tapóns de diferentes tamaños, de xeito que conseguen que o seu uso sexa cómodo e seguro, evitando que os auriculares se desprendan da orella durante ao seu uso, á vez que non mancan ao usuario durante un uso prolongado.
Os novos auriculares de Sony teñen unha batería cunha autonomía de até 6 horas, á vez que o seu estoxo achega até 3 cargas adicionais, o que suma un total de 24 horas de autonomía. Falamos de autonomía coa cancelación de ruído activa, pois se desactivamos tal funcionalidade incrementaríamos a autonomía un 33%, chegando a 8 horas de autonomía por auricular e a 32 horas de reprodución sumando as recargas co estoxo. Tamén contan con carga rápida, de xeito que cando os auriculares están baixos de batería chega con metelos 10 minutos no estoxo para conseguir 90 minutos de reprodución.
Para o seu control contan con sensores táctiles personalizables, para poder reproducir, pausar e saltar cancións con simples toques, así como invocar o noso asistente de voz preferido (estando especialmente optimizados para o Asistente de Google). Tamén ten Wearing Detection, de xeito que podemos pór en pausa a reprodución musical con só quitar un auricular, para reanudar a reprodución con volver pór o auricular.
Estes novos auriculares de Sony chegarán ao mercado en agosto a un prezo recomendado de 250 euros.

Vídeo promocional dos auriculares Sony WF-1000XM3

PUBLICIDADE