Os portátiles poderán gozar de gráficos propios de equipos de sobremesa grazas a nVIDIA

mércores, 23 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Os portátiles gañaron moito terreo aos ordenadores de sobremesa nos últimos anos, quedando principalmente no escritorio os equipos de empresa e os orientados aos xogos, pero estes últimos cada vez poden ser máis portátiles, e para eses xogadores que queren gozar de gráficos de infarto dende nVIDIA están a dar unha nova moi importante, como é a posibilidade de empregar tarxetas gráficas propias de ordenadores de sobremesa en portátiles, sen ter que limitarse a gráficas que engadían na súa nomenclatura un M ao final para dar conta de que se trataba dunha versión para equipos portátiles que tiñan un rendemento inferior por culpa das limitacións de consumo e refrixeración que teñen os sistemas portátiles.
Deste xeito nVIDIA confirma que en breve veremos no mercado portátiles con memoria a 7 Gbps, grandes posibilidades para o overclocking e, especialmente, unha gráfica GeForce GTX 980 de 2.048 núcleos coa mesma potencia que a de equipos de escritorio.
Estas gráficas virían desbloqueadas para permitir a súa aceleración, o que combinado con modernos sistemas de alimentación e refrixeración conseguirían que un equipo con formato de portátil puidese ter o rendemento dun equipo de sobremesa de maiores dimensións, podendo incluso gozar coa potencia suficiente para xerar gráficos con alto nivel de detalle a 90 fotogramas por segundo, ou sexa, que veremos os primeiros portátiles que cumpran as especificacións recomendadas para os sistemas de realidade virtual Oculus Rift.
Xa hai varios fabricantes de portátiles para gamers que confirmaron que integrarán as novas gráficas de nVIDIA, como o impresionante Asus GX700, que destaca por gozar dun sistema de refrixeración por auga.

O Asus GX700 pode colocarse nunha base con refrixeración líquida que posibilita o seu overclocking

PUBLICIDADE