Os encargados europeos de facer doada a Internet das Cousas xúntanse na Coruña

luns, 1 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana temos na Coruña unha nova cita co noso espírito innovador: a arela creativa que dá forma cada segundo ao noso progreso tecnolóxico. Estamos a falar da xuntanza de traballo do proxecto BRAIN-IoT que, como se indica no nome da iniciativa, abrangue novidades relacionadas co enxeño e o pensamento, por unha banda, e coa Internet das Cousas, pola outra (IoT é o acrónimo de Internet of Things). As sesións desenvolveranse entre mañá e o xoves, sendo o seu intre álxido este 3 de outubro (nas instalacións de EMALCSA na Casa da Auga ás 12.30 horas), coa participación do alcalde, Xulio Ferreiro.
Concorrerán nas xuntanzas representantes das universidades, empresas e asociacións que están a participar no proxecto, unha iniciativa impulsada por fondos europeos FEDER (5 millóns de euros) e na que traballan entidades de España, Italia, Francia, Alemaña e Inglaterra, buscando un alicerce tecnolóxico común, unha linguaxe doada e segura, para os dispositivos autónomos.
A cita vén da man EMALCSA e da empresa tecnolóxica local Improving Metrics, da que falamos recentemente en Código Cero para informar dos interesantes resultados dunha xeira colectiva de traballo na que se mediu o nivel de implicación dos participantes (o público) e mailo custo do evento polos seus sorrisos.
En BRAIN-IoT toman parte activa compañías internacionais como Siemens (Alemaña), Airbus (Francia), o Instituto Superior Mario Boella (Italia), Paremus (Inglaterra), STMicroelectronics (Suíza), IDATE Digiworld (Francia), a Universidade de Grenoble (Francia), Robotnik (España), o Comisariado para a Enerxía Atómica e as Enerxías Alternativas CEA Tech (Francia) e a Fundación Eclipse Europa.
As xuntanzas serán na devandita Casa da Auga e nelas están presentes máis de 20 investigadores ingleses, franceses, alemáns, españois e italianos, membros das empresas que colaboran no proxecto.
A intención deste encontro é profundar nas actividades do proxecto chamado BRAIN-IoT, que amais de aludir no seu nome á intelixencia humana e á artificial, tamén é o acrónimo (en inglés) de Modelo Baseado en Framework para a Detección Confiábel e a Actuación en Sistemas da Internet das Cousas (IoT) Descentralizados e Intelixentes.
Segundo informa Improving Metrics, trátase “dun proxecto ambicioso, que busca desenvolver unha metodoloxía para que distintas plataformas conectadas a Internet poidan traballar xuntas dun modo descentralizado, compatíbel e dinámico”. É dicir, procúrase unha solución para facer que varios dispositivos autónomos (drons, sensores, sistemas de monitoraxe e seguimento...) colaboren entre si e compartan información “dun modo sinxelo e seguro, a través de estándares abertos”.
A empresa galega Improving Metrics participa na investigación e desenvolvemento dos elementos de Intelixencia Artificial e analítica de datos, ademais de encargarse da dirección de calidade do proxecto. A participación de EMALCSA, pola sua banda, baséase no estudo de escenarios, as probas de concepto en colaboración co CITEEC da UDC, e a aplicación destas tecnoloxías ás infraestruturas críticas.

PUBLICIDADE