Os responsables do ataque á web da ONU xa hackearan os sitios de Harvard, a NASA e o Real Madrid
luns, 13 de agosto do 2007
Tras o ciberataque
á web da ONU, os responsables das mensaxes antibelicistas que foron penduradas
nas páxinas interiores da rede da dita organización mundial admiten pertencer a un colectivo internacional de
activismo virtual que xa ten incluído as súas consignas nos sitios de importantes
institucións e compañías multinacionais.
O concepto deste grupo de activistas, que
empregan a Rede coma vehículo das súas mensaxes, foi creado polo experto en
informática ENO7,
e o seu colectivo conta no seu currículo con ataques a grandes obxectivos,
entre os que destacan Toyota, Nestlé, Yahoo, Sony, Cocacola, Fanta, por citar
só algúns exemplos. Ademais das devanditas multinacionais, outras páxinas de
institucións coma a Universidade de Harvard e a de Columbia, e até a NASA ou a UNESCO foron hackeadas por este grupo.
Como curiosidade, cómpre salientar que as
empresas españolas SEAT e o Real Madrid tamén albergaron nas súas páxinas
mensaxes deste grupo.
O ataque de onte, que segundo a web Cyberprotest e un artigo
publicado polo xornal australiano ABC foi
levado a cabo polo grupo Mosted
(autodefinido “o centro turco e musulmán
dos hackers”) xunto con Karim125 e gsy. Estes
tres hackers “acocharon” as mensaxes
do colectivo nun miúdo apartado onde aparecen as declaracións do secretario
xeral da ONU Ban Ki-Moon (na imaxe).
“Os
poderosos non poden oprimir ós febles”
O ataque dos hackers herdeiros de ENO7 de onte responde á máxima do grupo que
sostén que “os poderosos non poden oprimir aos febles”, frase que empregan como
lema da organización. Ente as consignas filtradas na web da ONU incluíase a
seguinte: “Que Estados Unidos e Israel deixen de matar nenos e outras persoas.
Non a Guerra. Paz para sempre.”
Segundo indican os responsables da agrupación,
na actualidade militan nas súas fileiras hackers
de nove países entre os que destacan os fundadores do movemento, nados en
Turkía (ENO7) e Chile (byond). Segundo eles, o fin do grupo non e “irromper en sitos para dar mensaxes estúpidas”
de xeito aleatorio, senón o de lanzar un chamamento “contra a guerra”.