Os routers mesh de Linksys poden actuar como detectores de movemento

martes, 8 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos tempos as solucións de Wi-Fi mesh gañaron moita popularidade por ser capaces de eliminar as zonas de sombra das redes Wi-Fi domésticas e garantir unha boa conectividade en todo o fogar, pero dende Linksys están a levar esta tecnoloxía un paso máis aló, e anuncian Linksys Aware, un servizo de subscrición de pagamento que aproveita os routers Linksys Velop AC2200 de banda tripla como un sistema de detección de movemento sen precisar da instalación de cámaras nin sensores adicionais.
O servizo Linksys Aware detecta actividade a través dos sinais Wi-Fi e envía alertas de movemento aos usuarios a través da aplicación móbil de Linksys, podendo estas alertas configurarse, de xeito que podemos activalas ou desactivalas e definir a súa sensibilidade (para evitar falsas alarmas).
Dende Linksys tamén consideran que esta solución de software pode resultar práctica para a asistencia remota de anciáns, xa que rexistra datos históricos dos últimos 60 días, que poden consultarse hora a hora, o que pode dar certa tranquilidade ao usuario.
Linksys Aware comercialízase a un prezo de 2,99 dólares/mes ou 24,99 dólares/ano, cos primeiros 90 días de balde, de xeito que os usuarios poden xa probar se esta tecnoloxía funciona ben no seu domicilio (e se resulta práctica) antes da súa contratación.

Vídeo promocional de Linksys Aware

PUBLICIDADE