Os selos acreditativos dos peregrinos convértense en dixitais

martes, 29 de setembro do 2020 S. P.

A Fundación Catedral de Santiago deu este martes 29 un novo paso no proceso de transformación tecnolóxica de todo o relativo ao devandito tempo compostelán, do remate do Camiño e, tamén, das experiencias, cada vez máis ligadas ao universo dixital, dos visitantes da capital de Galicia. Estamos a falar da presentación da credencial dixital do peregrino, que estará dispoñíbel con feitura de app o vindeiro ano xubilar 2021.
A presentación celebrouse no Centro Internacional de Acollida do Peregrino da rúa Carretas. Contou coa presenza do deán da Catedral, Segundo Pérez, o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo e máis a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Segundo fixeron saber, a credencial dixital ten un obxectivo duplo: por unha banda responde á natural evolución tecnolóxica de todo o relacionado co ámbito xacobeo (unha evolución que mellora e facilita a experiencia dos visitantes) e, pola outra, xorde da necesidade de garantir a seguridade sanitaria da cidadanía, xa que o novo modelo de certificacións evita o contacto persoal e axilizan ao máximo os trámites para a súa obtención.
A credencial dixital estará dispoñíbel en varios idiomas para as plataformas iOS e Android. Amais, mostrará as distintas rutas do Camiño de Santiago e, tamén, posibilitará a captura dos selos dixitais a través de códigos QR e permitirá a integración dos datos no rexistro do peregrino.

PUBLICIDADE