Os televisores LG ofrecen 3 meses de balde a Stadia Pro

mércores, 3 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Para que os usuarios sexan conscientes de que é posible gozar do xogo na nube directamente dende o televisor temos promocións como a de Google Stadia con LG, na que usuarios con televisores que funcionen con webOS 5.0 ou superior (modelos de a partir de 2020) poden gozar de 3 meses de balde do servizo Stadia Pro.
A oferta está dispoñible dende a tenda de aplicacións dos televisores LG, onde figura un código que pode introducirse en Stadia para poder gozar de 3 meses adicionais na subscrición de Stadia Pro, o que permite gozar a medio cento de xogos na nube que poderán xogarse en 4K con HDR, 60 imaxes por segundo e son envolvente, o que sería comparable a experiencia que ofrece un ordenador de alta gama, pero precisando unicamente dunha boa conexión á Rede e un mando ligado ao televisor.
Dentro de Stadia hai dispoñible moitos grandes títulos, como Cyberpunk 2077, Resident Evil Village, Assassin’s Creed: Valhalla e moitos outros, que poden adquirirse para xogarse a longo prazo, aínda que cando non estea vixente unha subscrición a Stadia Pro a calidade gráfica redúcese até Full HD, o que segue a ser dabondo para a meirande parte dos usuarios.

PUBLICIDADE