Os televisores de Samsung permitirán gozar dos xogos de Xbox mediante streaming

xoves, 9 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Samsung Electronics anunciou hoxe o peche dun acordo con Microsoft para incorporar Xbox no Samsung Gaming Hub dos Smart TV ca compañía surcoreana de 2022, incluíndo os Neo QLED 8K, Neo QLED 4K, QLED, Crystal UHD e a serie Smart Monitor. Deste xeito os televisores de Samsung serán os primeiros do mundo en incluír a aplicación de Xbox, que permite gozar de xogos da consola de Microsoft a través de streaming.
A integración de Xbox Game Pass nos televisores de Samsung do presente ano é un importante avance na estratexia de Microsoft de achegar o xogo na nube a cada vez máis dispositivos, para que no futuro calquera poida gozar de xogos de grande calidade dende case calquera pantalla conectada con tal de ter unha boa conexión á Internet.
O Samsung Gaming Hub chegará aos últimos televisores de Samsung a partir do 30 de xuño, facilitando o xogo en streaming a través de nVIDIA GeForce NOW, Google Stadia e Xbox Games Pass, sendo esta última plataforma a máis atractiva, polo feito de incluír un importante catálogo de xogos coa súa subscrición mensual, converténdose nun dos servizos deste tipo con maior valor engadido, que coa súa integración en televisores fará realidade o concepto de consola sen consola, xa que para funcionar chegará con emparellar un mando compatible co televisor.

PUBLICIDADE