Os videoxogos modernos, retro e independentes teñen grande presenza en ExpOtaku

venres, 24 de maio do 2024 Marcus Fernández

Esta fin de semana as instalacións de EXPOCoruña acollen unha nova edición de ExpOtaku, evento no que se mesturan as culturas do anime, do cosplay e dos videoxogos, para que os afeccionados poidan gozar até o domingo ás oito da tarde dunha chea de actividades, vivir experiencias con outras persoas coas que comparten intereses, e descubrir tamén expresións artísticas, disciplinas artesanais e incluso aplicacións da tecnoloxía a estes ámbitos.
ExpOtaku conta con 5.500 metros cadrados reservados para 150 expositores e outros espazos nos que están a repartirse unhas 260 actividades que se adaptan aos variados intereses dos afeccionados á cultura nipoa (e semellantes).
Cómpre salientar a presenza de CESUGA nunha zona de deseño e desenvolvemento de videoxogos; un espazo organizado pola comunidade Ociorum que permite gozar libremente de videoxogos retro de consolas como a Nintendo 64, a PS2, a Dreamcast ou a Super Nintendo; están presentes unha boa mostra de desenvolvedores de videoxogos independentes; por parte de Project Droid teremos actividades relativas ao mundo da robótica; dende XPPen tamén realizan demostracións e obradoiros sobre o uso das súas populares tabletas gráficas (contando incluso coa presenza do ilustrador Juanjo López); e tampouco faltan as zonas de xogos libre a consolas actuais e os torneos de videoxogos.
Entre as actividades do sábado podemos salientar que ás 12:00 e ás 17:00 presentaranse os xogos desenvolvidos polos alumnos de FP de animación 3D, videoxogos e contornos interactivos; mentres que o domingo ás 17:00 o portadista de DC Comics Juanjo López impartirá un obradoiro de ilustración dixital.

No recinto hai numerosos postos de xogo libre para gozar de títulos actuais
Os xogos retro teñen un apartado de seu en ExpOtaku
Estudios independentes como Axóuxere Games levan as súas creacións a EXPOCoruña esta fin de semana
A realidade virtual tamén capta o interese dos asistentes
As tabletas gráficas de XPPEn amosan as súas posibilidades en ExpOtaku
A robótica tamén está presente na cita coruñesa

PUBLICIDADE