Os vixiantes da Confraría do Grove fórmanse en drons para loitar contra a pesca furtiva

venres, 30 de setembro do 2022 S. P.

A tecnoloxía galega de drons ponse ao servizo da loita contra o furtivismo. Así nolo conta Aerocamaras, a empresa de Lalín referente neste ámbito tecnolóxico, que está a formar aos vixiantes da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove como pilotos de vehículos aéreos non tripulados para facer fronte á pesca e ao marisqueo ilegal. A través de Aerocamaras, os gardas reciben formación necesaria para certificarse e poder implementar estes vehículos no seu día a día.
Segundo conta Aerocamaras, os profesionais xa superaron a fase teórica e están mergullados arestora na práctica. Ademais, esta formación foi impartida a medida para o grupo, en tempo e localización, “para que os profesionais consigan unha experiencia inmersiva e ensaien na súa contorna real de traballo”, explicaron fontes da empresa tecnolóxica, engadindo que durante a fase práctica, un instrutor experto de Aerocamaras encárgase de adestralos para manexar con destreza os mandos da aeronave e que aprendan manobras que lle serán útiles nas súas tarefas de vixilancia. “Con esta formación obterán a certificación de AESA que os habilita como pilotos de drons profesionais e poderán comezar a traballar con esta tecnoloxía nas súas patrullas de garda”, sinalan.
Para Aerocamaras, os drons preséntanse como unha solución para facer fronte a este problema que non só é medio ambiental senón tamén social, económico e produtivo (afecta directamente aos rendementos presentes e futuros dun colectivo que se esforza con todo tipo de recursos para asegurar a sustentabilidade dos peixes e dos mariscos), ao permitirlles exercer un mellor control sobre os distintos bancos de produción. Jaime Pereira, director executivo (CEO) de Aerocamaras engade que a formación daralles aos gardapescas os coñecementos e a destreza necesaria para que poidan implementar drons na súa vixilancia, e “tamén mellorarán a eficiencia das súas rastrexos, xa que con estas aeronaves poden facer un control aéreo exhaustivo en poucos minutos e abranguendo unha maior cantidade de terreo, incluíndo zonas rochosas onde a vixilancia a pé é dificultosa”.
Esta capacitación forma parte do proxecto Coidamar co-financiado polo fondo marítimo e de pesca (FEMP) e a Consellería do Mar do que foi beneficiada a Confraría de Pescadores San Martiño a través de axudas para proxectos no marco das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), por un importe total de 12.738,67€. A formación que reciben os vixiantes é unha das medidas e accións dirixidas ao logro do obxectivo deste proxecto, orientado á preservación do medio mariño e dos recursos pesqueiros para garantir unha pesca sustentábel.

PUBLICIDADE