PC Fútbol 2018 chegará a móbiles en novembro

luns, 23 de outubro do 2017 Marcus Fernández

El Confidencial sorprendeu hoxe anunciando que o mes que vén porase á venda o xogo PC Fútbol 2018, ou sexa, o regreso oficial dunha marca que non só deixou o mercado en 2005, senón que incluso tivo un sucesor espiritual, FX Fútbol, de escaso éxito, de aí que resulte moi curioso o interese pola franquía, que desta volta non se limitará a ordenadores persoais, senón que botaría a andar cunha versión para smartphones e tabletas, de xeito que tardaremos meses en velo en PC.
O novo xogo está a ser desenvolvido por IDC Games e Korner Entertainment, e estaría baseado na versión de 2001 da saga, aínda que cunha importantísima carencia: o xogo prescindirá do simulador de xogo con gráficos tridimensionais, de xeito que só estará dispoñible o modo resultado. Esta decisión parece atender ás dificultades de poder entregar un produto digno dende cero, nun momento no que hai competidores con produtos moi maduros cos que sería imposible compararse.
O rostro do xogo tamén será Michael Robinson, quen fora portada de moitas das entregas de PC Fútbol, nun momento no que era todo un referente televisivo deste deporte, resultando agora principalmente un elemento que sirva para deixar claro que estamos ante o retorno da marca orixinal.
PC Fútbol 2018 contará con nove ligas (incluíndo a española) e permitirá xogar en Primeira, Segunda e Segunda B, aínda que carecerá das licenzas oficiais dos clubs, de xeito que para gozar do xogo con certa dignidade será precisa a súa modificación (o que porán doado).
Nas imaxes publicadas por El Confidencial o detalle dos nomes aínda resulta máis molesto ao comprobar que nin sequera respectan as toponimias, de xeito que vemos como aparece un club chamado Orense, detalle que esperamos que muden antes do lanzamento oficial do xogo.
En calquera caso PC Fútbol 2018 vai ter serios problemas para callar no mercado, xa que o mercado está dominado polas franquías do FIFA de EA Sports e Football Manager (sendo este último o xogo ao que debería compararse o novo produto), que contan con recursos moi superiores dos que dispoñen pequenos estudios españois, resultando bastante complexo que o efecto nostálxico sexa dabondo para vender un xogo que claramente será inferior ao dos seus competidores. Tamén cómpre destacar que, dado que a franquía de PC Fútbol moi malograda durante varias edicións, o recordo que se garda da mesma non é precisamente bo.

PUBLICIDADE