PES 2019 será un dos xogos de PlayStation Plus do mes de xullo

mércores, 26 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Os subscritores de PlayStation Plus recibirán a partires do 2 de xullo un par de xogos bastante destacables, como son o Pro Evolution Soccer 2019 e o Horizon Chase Turbo, o que lévanos a entender que Sony busca que os usuarios de PS4 teñan un mes de xullo moi competitivo.
O Pro Evolution Soccer 2019 é á última entrega da saga de fútbol de Konami, que renovarase despois de verán, o que podemos ver como un xeito de animar aos usuarios a volver a esta franquía que claramente perdeu a partida contra o FIFA de Electronic Arts, aínda que tamén podemos entender a situación como a constatación de que a saga de PES perdeu o seu valor, de xeito que case teñen que regalar a súa última entrega para atraer xogadores. O que si podemos comentar é que o PES 2019 inclúe a posibilidade de botar partidas en local para até 4 xogadores, o que para moitos será un grande reclamo para botar partidas en familia ou con amigos.
Pola súa banda Horizon Chase Turbo é un xogo de condución arcade que tecnicamente parece moi inferior ao que estamos afeitos, o que os seus responsables xustifican asegurando que estamos ante unha homenaxe a clásicos xogos de carreiras como Out Run, Lotus Turbo Challenge ou Top Gear, de aí que permite unha opción que cada día vemos menos: a posibilidade de xogar a pantalla partida até 4 xogadores á vez. Aínda que para xogadores esixentes estamos ante un título menor, haberá nostálxicos que saiban ver en Horizon Chase Turbo un xeito de lembrar os vellos tempos das máquinas recreativas.

Horizon Chase Turbo permite xogar en local até a 4 xogadores a pantalla partida

PUBLICIDADE