PS Plus recibe 3 grandes xogos en outubro

mércores, 28 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Aínda que estabamos afeitos de que os xogos mensuais de PlayStation Plus fosen pouco relevantes, o panorama parece estar a cambiar, e os xogos que entran no servizo de subscrición o 4 de outubro son bastante interesantes. O título estrela sería Hot Wheels Unleashed, un simulador de arcade baseado no universo de Hot Wheels, que permite coleccionar, construír e competir tanto en liña (con até 12 opoñentes) como no modo para dous xogadores a pantalla partida.
Estamos ante un xogo compatible con PS4 e PS5 que saíu á venda hai un ano, polo que aínda ten un prezo de venda recomendado de 49,99 euros, de aí que poidamos consideralo como unha grande incorporación aos xogos mensuais de PS Plus.
O resto de xogos mensuais non son nada desprezables, pois serían títulos para PlayStation 4 de bastante éxito, como o xogo de loita Injustice 2 e o orixinal título de acción en primeira persoa Superhot.
En Injustice 2 temos un xogo de loita dos responsables da franquía de Mortal Kombat no que os loitadores son personaxes do Universo DC, de xeito que teremos combates ultraviolentos protagonizados por Batman, Superman, Wonder Woman, Harley Quinn e moitos outros personaxes da banda deseñada nun universo escuro no que o Joker provocou a morte de Lois Lane, levando a Superman a establecer unha nova orde mundial autoritaria.
Superhot pola súa banda é un xogo moi orixinal, xa que é un xogo de acción en primeira persoa con toques de estratexia, xa que cando estamos parados conxelarase o tempo, o que permite reflexionar sobre os movementos a realizar para superar diferentes desafíos loitando e disparando a inimigos aproveitando a vantaxe que nos dá poder percibir o mundo a cámara lenta.
Estamos así ante un mes no que calquera dos tres xogos incluídos en PS Plus son dignos de mención, para fortuna dos subscritores do servizo.

PUBLICIDADE