Panasonic Toughbook CF-U1, o UMPC robusto con procesador Intel Atom

mércores, 25 de xuño do 2008 Marcus Fernández

O Toughbook demostra resistir a auga

Panasonic presentou no Xapón o seu primeiro UMPC robusto con procesador Intel Atom. O Toughbook CF-U1 funciona cun procesador Atom a 1,33 GHz, ten 1 GB de RAM, 16 Gb de disco Flash, pantalla LCD de 5,6 polgadas con retroiluminación LED, Wi-Fi e Bluetooth. É compatible con Windows XP Tablet PC Edition ou Vista Business SP1, mide 184 x 150 x 57 milímetros e só pesa 1,06 quilogramos, ou sexa, que é un ordenador de tamaño reducido e alta mobilidade que destaca especialmente polos seu acabado resistente, que lle permite resistir a auga (aínda que non é somerxible), o po, as caídas e os golpes, polo que sería unha ferramenta moi útil en contornos industriais ou incluso para funcións de servizo público ao aire libre (exposto ás agresións meteorolóxicas).
O resistente equipo tamén ten unha alta autonomía (ata 9 horas) e conta cunha interesante oferta de opcións de ampliación (GPS, lector de pegadas dixitais, modem 3G, lector de códigos de barras, lector de RFID e cámara).
A comercialización global deste equipo comezará no mes de agosto a un prezo estimado de 2.499 dólares e a través dos distribuidores autorizados de Panasonic.


Anuncio do novo Toughbook de Panasonic

PUBLICIDADE