Panasonic presenta unha cámara deportiva capaz de gravar vídeo en 4K

luns, 24 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Ao igual que os últimos smartphones de alta gama están a integrar a gravación de vídeo en ultra alta definición (4K), as cámaras deportivas non queren quedarse atrás, e Panasonic anunciou hoxe a HX-A500, que consegue superar á Go Pro Hero 3+ ao ofrecer a gravación de vídeo en 4K a 25 cadros por segundo (en vez dos pouco prácticos 15 fotogramas por segundo da GoPro) á vez que tamén permite gravar en Full HD a 50 imaxes por segundo, a 1.280 x 720 píxeles a 100 fps e a 848 x 480 píxeles a 200 cadros por segundo, polo que pode resultar práctica tanto para gravar con moito detalle como para realizar impresionantes efectos de cámara lenta.
Esta nova cámara pode gravar ata 30 minutos de vídeo somerxida ata a 3 metros de auga, conta con tecnoloxía NFC e Wi-Fi para facilitar a transferencia de contidos a outros dispositivos (ou incluso a retransmisión en directo a través de Ustream) e no seu corpo inclúe unha pantalla LCD de 1,5 polgadas para o seu control.
Chegará ao mercado no mes de xuño a un prezo de 449 euros, o que é bastante elevado para unha cámara deste tipo, pero ofrecendo unhas prestacións que poden compensar a súa adquisición.


Vídeo de demostración da nova cámara deportiva 4K de Panasonic

PUBLICIDADE