Panasonic presenta unha nova cámara compacta todoterreo

martes, 27 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Panasonic anunciou que un novo modelo de cámara fotográfica dixital, a LUMIX DMC-TS1, que segundo o fabricante sería a primeira do mundo resistente á auga, a golpes e a po con capacidades de gravación de vídeo en alta definición (AVCHD Lite).
Deixando a un lado o feito de se a cámara é a primeira, hai que recoñecer que se trata dun dispositivo excelente, cunha resolución de 12,1 Mpíxeles, un angular de 28mm LEICA DC VARIO-ELMAR, zoom óptico de 4,6x e un modo de axuste intelixente para que os usuarios menos experimentados poidan tomar boas imaxes en situacións moi diversas.
A cámara pode somerxerse a 3 metros de profundidade, soporta caídas dende 1,5 metros e tamén soporta o seu uso en ambientes con moito po (ou area). Tamén conta cunha pantalla de 2,7 polgadas que axusta o seu brillo automaticamente segundo as condicións nas que se estea a utilizar.
A cámara sairá á venda en abril en cor prata, verde e laranxa por uns 399,95 dólares.

PUBLICIDADE