Paper Mario: The Origami King, un novo xogo que chegará a Switch en xullo

venres, 15 de maio do 2020 Marcus Fernández

Nintendo anunciou por sorpresa que o vindeiro 17 de xullo sairá á venda Paper Mario: The Origami King, unha nova entrega da saga de Mario na que os personaxes móvense por escenarios tridimensionais pese a seren bidimensionais, conseguindo unha aparencia única e moi atractiva que namora aos xogadores dende os tempos da Nintendo 64, e que dende aquela tivo presenza en todas as consolas domésticas de Nintendo e tamén para Nintendo 3DS.

Resulta curioso que Nintendo abrise xa a reserva deste xogo, destacando o feito de que pode mercarse na súa edición dixital para poder así descargalo por anticipado e así poder xogar dende o primeiro minuto do 17 de xullo, ou sexa, pondo en valor a entrega inmediata das copias dixitais dos xogos, algo que cobrou moito pese durante o confinamento, xa que os problemas de distribución fixo que varios lanzamentos fosen grandes éxitos de vendas en formato descargable (como Animal Crossing: New Horizons, que converteuse no xogo de consola con máis copias dixitais vendidas nun único mes, desbancando do podio a Call of Duty: Black Ops III).

En Paper Mario: The Origami King viviremos unha aventura na que Mario explorará un mundo feito de papel acompañado pola súa nova compañeira, Olivia, para enfrontarse ao Rei do Origami e ao seu exército de invasores de papel. Mario terá que percorrer numerosos escenarios e recrutar a un equipo de compañeiros para poder así rescatar aos seus amigos do malvado rei Olly.

Como ben indica o título do xogo, desta volta Paper Mario conta cunha importante innovación: o papel pode encartarse facendo origamis, o que supón importantes cambios estéticos e novas mecánicas. Tampouco faltan os quebracabezas e os combates por quendas. Un xogo bastante completo que animará a moitos o verán.

Tráiler de presentación de Paper Mario: The Origami King

PUBLICIDADE