Parrot orienta os seus drons a usos profesionais

mércores, 25 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Durante a celebración da Commercial UAV Expo de Las Vegas está presente Parrot con varios dos seus produtos, entre os que destacan solucións orientadas á agricultura e ás emerxencias, como serían o Parrot Bluegrass e o Parrot Bebop-Pro Thermal.

O Parrot Bluegrass sería un cuadricóptero orientado ao seu uso en agricultura, que integra 2 cámaras (unha videocámara e un sensor multiespectral) para facilitar a monitorización de infraestruturas nas granxas e plantacións, facilitando a detección de problemas e podendo interpretarse os datos recollidos coa plataforma na nube Airinov First+. O Parrot Bluegrass é capaz de cubrir cunha carga até 30 hectáreas a 70 metros de altura, podendo voar tamén a baixa altura para, por exemplo, comprobar cultivos de froitas. Este produto completo (co hardware e incluso licenzas de software) comercializarase a uns 5.000 dólares (máis impostos).

Vídeo promocional do Parrot Bluegrass

O Parrot Bebop-Pro Thermal é un produto que posiblemente chame máis a atención nestas datas, por ser un cuadricóptero que integra unha solución de imaxe térmica que pode empregarse para revisar pequenas construcións, para profesionais de inspección térmica e para servizos de seguridade pública. O trebello contaría cunha cámara de vídeo e outra térmica, o que podería empregarse para estudar construcións para a detección de fugas de calor, sendo tamén práctico para instaladores de paneis solares e para servizos de extinción de lumes e de rescate, xa que as lecturas térmicas poden axudar tanto a localizar incendios como para atopar vítimas ou persoas perdidas. Esta solución comercializarse a un prezo de 1.500 dólares (máis impostos).

Vídeo promocional do Parrot Bebop-Pro Thermal

PUBLICIDADE