Pentax K-30: unha réflex para condicións meteorolóxicas adversas

martes, 22 de maio do 2012 Marcus Fernández

A nova cámara fotográfica Pentax K-30 chega ao mercado cun selado resistente á intemperie ao longo de todo o seu corpo, permitindo o seu uso sen problemas con todo tipo de climas, de xeito que estamos ante unha réflex que podemos empregar tanto nun día de praia rodeados de area como nunha excursión por unha húmida fraga (sendo incluso capaz de operar a 10 graos baixo cero). A Pentax K-30 conta cun sensor de imaxe CMOS APS-C de alto rendemento de 16 Mpíxeles, procesador de imaxe PRIME M optimizado para a captura de vídeo en alta definición (a cámara pode gravar vídeo a 1.080p a 30 imaxes por segundo ou a 720p a 60 cadros por segundo), motor de enfoque automático SAFOX IXi+, pantalla LCD de 3 polgadas, visor pentaprisma de vidro de baixo perfil, modo de disparo HDR, velocidade ISO de ata 25.600, flash integrado retráctil... e moitas outras prestacións entre as que destaca o feito de que poida funcionar tanto con baterías recargables de ión de litio coma con baterías AA (o que agradecerán os usuarios que cando vaian de viaxe queiran poder disparar fotografías sen ter preto un punto de recarga.
Esta nova cámara xa pode reservarse nos EE.UU. a un prezo de 899,95 dólares (710,38 euros), chegando ás tendas norteamericanas no mes de xullo, cando tamén é moi posible que estea dispoñible en España.

A Pentax K-30 é resistente á auga, o po e a temperaturas por debaixo do punto de conxelación

PUBLICIDADE