Pequeno reprodutor multimedia HD de baixo consumo de HABEY

mércores, 11 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Un fabricante relativamente descoñecido, HABEY, sorprende presentando un pequeno ordenador, modelo BIS-6550HD, baseado nun procesador Intel Atom N270 a 1,6 GHz que promete ser capaz de reproducir vídeo en alta definición a 1.080p.
Este equipo con saídas HDMI, VGA, composto e S-Video soportara ata 2 Gb de RAM, conta con opcións de comunicacións sen fíos e sintonizadora de televisión con soporte de alta definición, carece de ventilador para garantir un funcionamento silencioso, integra un lector de tarxetas de memoria, 1 interface IDE e 2 SATA II (con soporte de unidades SSD), 4 portos USB 2.0 e Gigabit Ethernet.
O dispositivo álzase coma un reprodutor de vídeos en alta definición de baixo consumo, asegurando o seu fabricante que é capaz de reproducir un vídeo en H.264 a 1.080p (Full HD) usando menos do 15% dos 2,5W do procesador Atom integrado, conseguindo unha eficiencia en consumo de CPU 8 veces maior á dun procesador Intel T7300 Core 2 Duo. O consumo total do equipo reproducindo contidos en alta definición sería de menos de 13 W, o que incluso quedaría por debaixo do consumo de moitas tarxetas gráficas.
Falta por coñecer o prezo e a data de lanzamento deste interesante trebello que mide 205 x 153,2 x 48,2 mm.

PUBLICIDADE