Performous, o Rock Band aberto

mércores, 2 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Os xogos musicais levan varios anos consolidándose coma franquías de peso nas consolas de videoxogos, pero nos ordenadores persoais tamén gozan dunha ampla oferta grazas a un par de desenvolvementos abertos coma eran o UltraStar (aplicación inspirada en SingStar) e Frets on Fire (inspirado no Guitar Hero) de xeito que tanto karaoke coma simuladores de guitarra eléctrica están dispoñibles para o ordenador, pero seguindo os pasos das consolas de videoxogos, estes camiños cruzáronse, e así o UltraStar mudou en Performous e converteuse nun xogo aberto que segue os pasos do Rock Band, combinando nunha única aplicación karaoke, guitarra, baixo e batería, conservando a compatibilidade cos formatos de ficheiros de Frets on Fire, detectando automaticamente instrumentos de Guitar Hero e Rock Band, presentando gráficos en 3D e permitindo a participación de varios usuarios á vez.
Nas últimas semanas saíu a versión 0.4.0 de Performous, que incorpora melloras que fai o xogo máis divertido, o que agradecerán os usuarios de PC (principalmente os que usen Linux), que poderán gozar así dun tipo de xogo moi popular nas consolas, de balde, e cun catálogo musical moi amplo, desenvolvido principalmente por afeccionados, que adaptan os seus temas favoritos para poder interpretalos virtualmente no PC.

PUBLICIDADE