Pinnacle lanza unha solución para a creación de podcasts

luns, 2 de outubro do 2006 Marcus Fernández

O podcasting, ou publicación de ficheiros de son a través da Internet ós que os usuarios se poden subscribir a través de fluxos RSS (e que se poden escoitar tanto no ordenador como no noso reprodutor de MP3 favorito), non ten por qué ser algo complicado, nin para expertos radiofónicos, polo que Pinnacle decidiu lanzar unha solución para achegar estas posibilidades a case calquera que desexe contar algo a través da Internet.
O Pinnacle Podcast Factory permite realizar gravacións de alta calidade grazas ó seu micrófono, á súa tarxeta de son externa e ó software que inclúen para tal fin. As gravacións pódense logo editar para equilibrar os niveis de voz e engadir música e efectos, para rematar creando un ficheiro MP3 que se pode publicar logo na Internet.
Este completo produto véndese a 149 euros, e pode supor unha boa opción para os que desexen entrar no mundo do podcast de xeito doado e cunha calidade máis que aceptable.

PUBLICIDADE