Pioneer presenta un novo reprodutor de audio sen compresión

luns, 19 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Para os usuarios que non están satisfeitos coa calidade de son que achegan os smartphones Pioneer vai comercializar un novo reprodutor musical de alta resolución, o XDP-100R, que facilitaría o goce de música rexistrada a calidades superiores á do CD, o que pretende aproveitar unha moi limitada demanda por parte de consumidores dispostos a pagar máis por unha calidade sonora que non está nada claro que poida apreciar o ouvido humano.
Curiosamente este novo trebello estaría baseado en Android, contaría cunha pantalla de 4,7 polgadas, e as súas dimensións serían de 13 x 7,6 x 1,3 centímetros. Xustifican a súa calidade polo feito de contar con dúas placas de circuíto separadas: unha que correría Android, e outra encargada exclusivamente do apartado sonoro, e chegaría ao mercado nipón en novembro a un prezo duns 500 dólares americanos, o que estaría por debaixo doutros produtos semellantes doutros fabricantes (como o Sony Walkman NW-ZX2, que está á venda a un prezo oficial de 1.200 euros).
O Pioneer XDP100-R reproduciría numerosos formatos de audio sen compresión (FLAC, WAV, MQA, ALAC, DSD...), contaría cun almacenamento interno de 288 GB combinando unha memoria interna de 32 GB con dúas tarxetas microSD de 128 GB e a súa autonomía chegaría até as 16 horas de reprodución musical.

PUBLICIDADE