Pizza Hut lanza unha colección de caixas de pizza que converten o smartphone nun proxector de vídeo

luns, 8 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Os cartóns están de moda, e ao igual que Google convertía un smartphone nunhas lentes de realidade virtual, dende a división de Hong Kong de Pizza Hut sorprenderon facendo algo semellante coas caixas nas que reparten as súas pizzas, xa que poden transformarse converténdose nunha especie de proxectores de vídeo.
A idea desenvolvida pola axencia publicitaria Ogilvy Hong Kong non é totalmente nova, pero si resulta moi rechamante, e consiste en que a mesa de plástico que inclúen as caixas de pizza no seu interior substitúe o seu centro por unha lente que instalada nun perforación da caixa, serve para amplificar a imaxe dun smartphone que introduzamos no interior, aínda que para que o efecto sexa aprezable sería preciso achegar a caixa a unha parede branca e que a habitación na que o fagamos haxa unha escuridade absoluta, xa que este curioso proxector carece de lámpada, de xeito que a única luz proxectada sería a que saíse da propia pantalla do móbil.
Estas caixas especiais reciben o nome de Blockbuster Box e están dispoñibles en 4 deseños distintos, incluíndo cada un código QR cunha ligazón a unha película que casa co deseño da caixa (de xeito que teríamos unha película de terror, ciencia ficción, amor ou acción segundo corresponda).

A proxección de vídeo dende unha caixa de Pizza Hut depende principalmente da luminosidade da pantalla do smartphone introducido no seu interior


Vídeo no que podemos ver o funcionamento do produto promocional de Pizza Hut

PUBLICIDADE