Plants vs. Zombies chega ás consolas de Microsoft en forma de shooter

martes, 25 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que Plants vs. Zombies e Plants vs. Zombies 2 son auténticos referentes en dispositivos móbiles dentro do xénero da estratexia en tempo real (concretamente na categoría dos tower defense) o carisma dos seus personaxes levou a que PopCap decidise introducilos nun xogo de acción, Plants vs. Zombies: Garden Warfare, que converte o xardín nun escenario de guerra no que se enfrontan ata 24 xogadores que se reparten entre o bando das plantas e o dos zombis como nos shooters máis tradicionais, pero primando o humor e a diversión. O xogo tamén inclúe modo cooperativo en liña para 4 xogadores.
Esta curiosa proposta estreouse hoxe nos EE.UU. en versión para Xbox 360 e Xbox One, chegando a España mañá mesmo en formato descargable, mentres que os usuarios de PC deberán agardar varios meses para poder gozar dun título que, pese a ter unha formulación bastante ridícula, promete achegar moita diversión.
Cómpre detallar que a versión para Xbox One desta entrega da franquía de meirande éxito de PopCap conta con dous modos exclusivos: cooperativo en pantalla partida e sistema de xogo con Xbox SmartGlass e Kinect no modo xefe.


Trailer de lanzamento (estadounidense) do xogo

PUBLICIDADE