PlayStation VR2 chegará ao mercado en 2023

martes, 23 de agosto do 2022 Marcus Fernández

A primeiros de ano desveláronse as especificacións e o deseño de PlayStation VR2, a evolución do sistema de realidade virtual para consolas PlayStation para adaptarse ás posibilidades da PlayStation 5, pero o aínda reducido parque de consolas de nova xeración parece ser o factor que está a adiar o lanzamento deste produto, xa que non ten moito sentido vender accesorios deste tipo nun momento no que as consolas ás que está destinado aínda non poden adquirirse nas tendas con normalidade.
De feito, o grande problema non está no hardware, senón no software, xa que non compensa economicamente desenvolver xogos e aplicacións de realidade virtual se o número de potenciais compradores é moi reducido, de aí que Sony estea a ser prudente á hora de renovar o seu casco de realidade virtual.
Aínda que moitos confiaban en que PlayStation VR2 fose unha realidade na vindeira campaña de Nadal, dende PlayStation están a utilizar as súas diferentes plataformas sociais para anunciar que o lanzamento deste produto terá lugar a primeiros de 2023, polo que é de esperar que nos vindeiros meses vaiamos descubrindo xogos que se están a desenvolver para a nova xeración de realidade virtual para consolas, que suporá un grande salto en calidade e confort, aínda que mantén o cable de conexión entre o casco e a consola (previsiblemente para simplificar o seu funcionamento) mentres que as solucións de VR de Meta avanzaron moito no seu funcionamento sen fíos (a meirande parte dos títulos de VR para PC poden gozarse coas Meta Quest 2 a través de Wi-Fi), polo que non sería de sorprender que máis adiante vexamos algún accesorio que permita operar o casco de PS VR2 sen cables.

Vídeo no que adiantan detalles de PlayStation VR2

PUBLICIDADE