Poco F1: o novo móbil de Xiaomi que compite coa alta gama a prezos reducidos

mércores, 22 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Non é raro que os fabricantes de tecnoloxía teñan segundas marcas, tanto de produtos máis económicos como premium, pero que Xiaomi, unha compañía aínda emerxente, se anime a estrear unha nova marca, si é rechamante, especialmente porque semella que queren empregala para derrubar os prezos da gama alta dos smartphones.
A marca Poco bota a andar na India co Poco F1, un terminal móbil que conta co procesador máis potente para dispositivos con Android, o Qualcomm Snapdragon 845 e ten prezos que parten das 20.999 rupias (259 euros), ou sexa, que achegaría prestacións de gama alta a prezo de gama media.
O Poco F1 chega co mencionado Qualcomm Snapdragon 845, 6/8 GB de RAM, 64/128/256 GB de almacenamento interno, tecnoloxía de refrixeración LiquidCool, pantalla de 6,18 polgadas cunha resolución de 2.246 x 1.080 píxeles, cámara traseira dual de 12 + 5 Mpíxeles con aperturas f/1.9 e f/2.0, cámara frontal de 20 Mpíxeles, recoñecemento facial por infravermellos, lector de pegadas traseiro e unha xenerosa batería de 4.000 mAh con Quick Charge 3.0. Podería mirar de igual a igual a moitos smartphones de alta gama do mercado se non fose porque carece de certas prestacións moi establecidas en Occidente como son a resistencia á auga e o NFC (para pagamentos móbiles).
O Poco F1 parte das 20.999 rupias (259 euros) no seu modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, subindo só ás 23.999 rupias (296 euros) para a súa versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento. O seu modelo superior, con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, chegaría en dúas versións: unha normal, por 28.999 rupias (357 euros), e unha Armoured Edition que por 29.999 rupias (370 euros) contaría cunha traseira de fibra de Kevlar.

Vídeo promocional do Poco F1

PUBLICIDADE