Poderemos pedir produtos de uso diario con só premer un botón

martes, 8 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Hai un par de anos Amazon estreou un accesorio chamado Dash que facilitaba a creación de listaxes de compra dentro do fogar para a realización de pedidos de produtos frescos, e vendo a boa resposta ante este trebello decidiron lanzar unha versión de baixo custo e funcionamento moi sinxelo que adopta forma de botón físico e que agora chega a España: o Amazon Dash Button.
Este novo produto para clientes Premium de Amazon consiste nun botón que venden a 4,99 euros (reintegrando o seu prezo ao utilizalo unha primeira vez) e que busca converter a Amazon no principal provedor de produtos de uso cotián, xa que a intención é que coloquemos o botón xunto á lavadora, en armarios, no cuarto de baño... para que cando detectemos que precisamos deterxente, xampú ou papel hixiénico, premamos o botón correspondente, e tal acción dispare unha compra en Amazon.es de xeito automático, o que fará que non esquezamos pedir produtos do fogar que resultan esenciais para o noso día a día.
Se ben pode parecer un desperdicio destinar un botón a cada produto do fogar que desexemos pedir a Amazon con frecuencia, pode resultar moi práctico no ámbito doméstico, principalmente se queremos que calquera membro da unidade familiar poida avisar da necesidade dun produto, para que se repoña de xeito automático ao día seguinte, e aínda que estes botóns véndense en modelos que aparecen personalizados con nomes de marcas (Fairy, Ariel, Kleenex, Finish, Air Wick, Scottex, Vileda, Durex, Gillette, Dodot, Garnier...) para que resulte doado identificar para que sería cada botón, o pedido que dispara será configurado polo usuario.
Cando se recibe na casa o Amazon Dash Button, empregando a aplicación móbil de Amazon e a conexión Bluetooth do smartphone podemos conectarnos ao pequeno trebello, definimos o produto que queremos pedir premendo o botón e tamén transmitímoslle o contrasinal do Wi-Fi da casa para que poida conectarse, de xeito que cando logo se prema o botón realícese o pedido correspondente, tras o que recibiremos un aviso. Para evitar accidentes os botóns tamén teñen unha medida de protección: non se realizará un pedido novo premendo o botón até que se reciba o pedido anterior (de xeito que se varias persoas detectan que é preciso un produto impedirase a súa acumulación indesexada).
Amazon comezará a servir os Dash Button en España o vindeiro día 15, pero iso só é un produto específico dentro dun servizo que vai moito máis aló, xa que tamén están a estrear en Europa Amazon Dash Replenishment, servizo baseado na nube que permite que os fabricantes poidan integrar nos electrodomésticos a funcionalidade propia do Dash Button, de xeito que lavadoras, lavalouzas e impresoras de marcas como Beko, Grundig, Kyocera, Samsung e Whirpool tamén facilitarán a realización de pedidos para evitar quedar sen os consumibles que precisan para funcionar.

O Amazon Dash pode pegarse na parede o pendurarse dun gancho para facilitar a súa integración no fogar

PUBLICIDADE